2/04/2010

Homenaxe a Carmelo Teixeiro no II Aniversario do seu pasamento

Tres carballos para Carmelo

Organizado polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol Sábado, 6 de febreiro 2009, ás 12 h en Caranza (Parque Carmelo Teixeiro) celebrarase unha homenaxe a quen foi o seu primeiro Coordinador. Carmelo Teixeiro Menéndez ao celebrarse o segundo aniversario do seu pasamento.

Alí, no parque que leva o seu Nome, ao pé dos tres carballos plantados na súa memoria, lembraremos a Carmelo, a súa labor ao fronte deste Comité Cidadán e a súa semente de loita e compromiso contra o maior perigo a que se enfronta a nosa comarca, a Planta de Gas ubicada no interior da Ría de Ferrol.

Será un acto sinxelo, coa intervención de membros do Comité e a música de Estrella e o su violín e do grupo A Revolta.

Farase unha ofrenda floral na que tod@s estamos convidados.

Carmelo Teixeiro, Coordinador do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ria de Ferrol, dedicou os dez últimos anos da súa vida a dirixir con eficacia, enerxía e constancia todas as actividades desenvolvidas en contra da ubicación da Planta de Gas, da defensa medioambiental da Ría e da vida dos seus habitantes.
Ademais, Carmelo Teixeiro desempeñou un importante papel na Transición política do noso país. Procedente das JOC, participou activamente no movemento sindical de Bazán dos anos sesenta ( foi xurado nas eleccións de 1963) e na reconstrución do movemento socialista na comarca, pois foi fundador da USO, posteriormente dirixente da UXT e formou parte da dirección do PS de G-PSOE, desde 1978.
Fundador e primeiro presidente da Asociación Cultural Fuco Buxán e da Revista “Razón Socialista”, o seu traballo sempre intenso, desinteresado e discreto, ao longo de toda a súa vida, polas causas sindicais, políticas e sociais, é un exemplo de entrega e compromiso para as compañeiras e compañeiros que se esforzan cada día por acadar un mundo máis xusto e solidario.


Comité Cidadán de Emerxencia

Chuza

Sem comentários: