2/28/2010

O pemento do Couto obtén a IXP

Pementos do Couto (Capsicum annuum L)
O pemento do Couto dispón xa dun distintivo de calidade. A Unión Europea concedeulle oficialmente o pasado día 24 a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) , tal e como se acordou na comisión celebrada o pasado día 23, na que se aprobou a inscrición do pemento do Couto no Rexistro de Denominacións de Orixe e de IXP. A publicación do acordo no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) pon fin a unhas xestións iniciadas formalmente en 2003. Nos últimos sete anos, a cooperativa do Val realizou cantos trámites se requeriron para que a ansiada IXP sexa actualmente unha realidade. A espera obtivo a súa recompensa e a Unión Europea valorou as cualidades desta hortaliza producida na comarca de Ferrolterra.

En xuño de 2009 publicabase no DOUE a solicitude para rexistrar a denominación do pemento do Couto. Ao non terse notificado á comisión pertinente declaracións de oposición de conformidade ao respecto, a Unión Europea procedeu a rexistrar a denominación citada, tal e como consta no Diario Oficial da Unión Europea. Desde o pasado mércores está rexistrada a denominación, que entrará en vigor nun prazo de vinte días -contados a partires do pasado 24-. A Indicación Xeográfica Protexida do pemento do Couto aparece recollido no apartado de produtos agrícolas destinados ao consumo humano, na categoría de froitas, hortalizas e cereais frescos ou transformados.

A cooperativa do Val confiou sempre na obtención deste distintivo de calidade, baixo o que nos próximos meses se poderá comezar a comercializar o pemento do Couto, unha especie coa que traballan uns corenta socios das instalacións naronesas. Desde o pasado mes de decembro están xa medrando baixo os invernadoiros as prantas que producirán as que serán as primeiras unidades da hortaliza que se porán á venta coa Indicación Xeográfica Protexida, tal e como demandaba a cooperativa do Val.

Características

Os pementos a comercializar baixo a IXP son da especie Capsicum Anuun L, cuxo froito se recolecta en estado inmaduro precoz, para a súa venta en fresco. Un peso de entre catro e seis gramos por unidade, unha lonxitude de catro a oito centímetros, un ancho de dous, un pedúnculo de entre dous e tres e un espesor da carne de milímetro a milímetro e medio forman parte das características dos pementos amparados pola IXP. Ademais, o sabor da hortaliza debe ser dulce e non poden picar.

Etiquetas comerciais correspondentes á marca do produto e á codificación alfanumérica autorizada polo órgano de control, co logotipo da IXP, servirán para identificar os pementos do Couto unha vez cheguen ao mercado co distintivo de IXP e baixo a denominación de “Pemento do Couto”. Tan só as hortalizas que se cultiven cumprindo todas e cada unha das esixencias da UE poderán ser amparados pola IXP.

A variedade de pemento do Couto que se comercializará baixo a IXP solicitada pola cooperativa do Val cultívase, ademais de en Narón, nos municipios de Ares, Mugardos, Ferrol, Moeche, As Somozas, Valdoviño e Cedeira. Os produtores deberán aterse ás directrices marcadas polo plego de condicións da UE e tanto as plantacións como os almacéns e industrias serán obxecto de rigurosos controis, a fin de que a hortaliza esté “enteira, sana, limpa e exenta de danos” unha vez que chegue ao consumidor.

A UE marca a obrigatoriedade de comercializar os pementos en lotes de 200 ou 400 gramos entre o 15 de abril e o 31 de outubro.

Os recoñecementos de calidade foron tamén a parar, en Galicia, aos pementos de Arnoia e Oímbra, recoñecendo a Unión Europea a calidade de ambos produtos.

Os rigorosos coidados aos que, desde o momento da selección da semente, se sometía ao pemento do Couto continuarán marcando a calidade dun produto que cada vez conta con máis recoñecementos. Aos que xa tiña súmase agora o da Unión Europea que, sen dúbida, respalda o traballo feito desde hai moitos anos desde a cooperativa do Val.

A calidade dos pementos do Couto é desde hai moitos anos ben coñecida tanto dentro como fóra da comarca. Pero será a IXP a que remarcará aínda máis as características dun produto que logrou pasar os estrictos trámites que require a obtención de tal distintivo de calidade.

Diario de Ferrol

Sem comentários: