2/12/2010

Reganosa achegará máis de dous millóns para o museo romano

Galpón cos restos almacenados desde o ano 2004

A de hoxe non será unha xornada máis na vida municipal do Concello de Mugardos. Transcorridos máis de seis anos desde a aprobación do traslado dos vestixios romanos de Caldoval -acordo que fixo posible a ampliación de Reganosa- o goberno de Xosé Fernández Barcia garante ao fin a realización do museo que acollerá os restos da vila que foi obrigada a cambiar de localización para favorecer o progreso. Este proxecto materializarase en virtude do convenio que, ás 13.30 horas de hoxe venres, asinarán os representantes da Xunta, da administración mugardesa e de Reganosa. A sede da Consellería de Cultura acollerá a celebración do acto que onte xa foi valorado polo rexedor municipal para Diario de Ferrol.

Fernández Barcia insistiu na importancia dun acordo, cuxa negociación resultou excesivamente longa, segundo subliñou, por tratarse duns ?restos únicos en Galicia? e por considerar que ao amparo deste novo reclamo cultural abriranse moitas posibilidades a un municipio que loita, como calquera outro, por facerse un oco no difícil mundo da promoción turística. En canto ao acordo que dará lugar ao novo centro cultural, a parte económica, tanto a necesaria para realizar a obra como a que fará posible a posta en valor dos restos, correrá a cargo da empresa gasística. O valor estimado de ambas supera os dous millóns de euros, tal e como adiantou o primeiro edil de Mugardos. Este, ademais, explicou que, á marxe do groso do investimento, a empresa financiará a convocatoria do concurso de ideas do que sairá o deseño do novo museo e, sobre esta cuestión, Barcia confirmou que para a iniciativa están consignados outros 60.000 euros.

Pola súa banda, a Xunta supervisará tanto a construción dun edificio, que deberá reunir unhas determinadas condicións para garantir a conservación dos restos, como a exposición ao público dos mesmos de forma que sexa o máis didáctica e funcional posible.

A participación do Concello no proxecto pasa por pór a disposición da empresa os terreos necesarios para a realización do proxecto. Estes localízanse nas inmediacións do instituto, son propiedade da administración local e, tanto polo seu emprazamento como polas súas condicións, foron os mellor valorados por parte dos responsables municipais. O alcalde de Mugardos, considerou posible que unha vez asinado o convenio o proxecto poida estar executado no prazo de doce meses. O xacemento de Caldoval deixou constancia dun muro e tres habitacións duns 30 metros cadrados cada unha. Todo o conxunto daba lugar a unha superficie de 250 metros de superficies construídas. Desde o ano 2004, e baixo a supervisión da Xunta, os restos recuperados do xacemento permaneceron almacenados na carpa instalada para a escavación.

Diario de Ferrol

Sem comentários: