2/16/2010

Outro gaseiro que non pode entrar


E xa van 12, xa son unha ducia os buques gaseiros, cargados con GNL, os que tiveron que abortar a súa entrada na Ría por mor de causas meteorolóxicas. Estes representan o 20% do total, de 60 buques 12 non puideron entrar na Ría polo mal tempo reinante, fortes ventos fixeron desistir aos prácticos portuarios no seu intento de entrar polo angosto canle de entrada á Ría de Ferrol.

O Catalunya Spirit tiña prevista a súa chegada a Reganosa este Luns 15 de Febreiro de 2010, mais como xa dixemos non puido entrar, o forte vento desta tarde foi o "culpábel". Mais mañá coincidindo coa pleamar diúrna, único momento no que o buque pode atravesar a canle da Ría e atracar no peirao da regasificadora de Mugardos en Punta Promontorio, vai-no intentar de novo, até conseguir deixar a súa perigosa carga.

Reganosa, ao traer este buque, voltará de novo, coa complicidade da Xunta, dos concellos de Mugardos e Ferrol, do Goberno de Madrid, a aumentar o perigo potencial que xa de por si ten a presencia da planta de gas, instalada no corazón da nosa Ría, ameazando a seguridade e vida das miles de persoas que moramos na súa contorna.


A pesar de que o buque non entrou, o Comité Cidadán realizou a súa acción de protesta, unha acción que pretende avisar á poboación do perigo da presencia dun buque cargado con GNL dentro da Ría, así como para denunciar mais unha vez a instalación da planta de gas dentro da Ría, todo un despropósito: perigoso, irracional e corrupto.

Polo seu interese achegamos un artigo de Lorena Bustabad, publicado hoxe no xornal El País na súa edición para Galiza.

Colectivo Ártabra 21

ferrolsuso.blogspot.com

Sem comentários: