2/25/2010

Máis de dous meses sen coñecer a derrota

Galicia de Mugardos, xornada 5 da tempada 09/10


Dous meses logo de renovarse a competición, tras as vacacións de Nadal, os equipos do CD Boiro e o As Pontes encabezan unha clasificación ficticia no grupo Norte da Preferente Autonómica. Os xogadores do club de Barraña, con 20 puntos, e os das Pontes, cun menos, superan a equipos como o Mesón do Bento (18), Dorneda (14) e Betanzos (13), os principais candidatos para ocupar unha das dúas prazas con dereito a ascenso á Terceira División.

De calquera modo, hai un equipo que está sorprendendo a propios ou estraños. Trátase do Galicia de Mugardos, que nestas oito xornadas non sabe o que é perder. É, xunto co Boiro, o único que conserva a condición de invicto tras os Nadais e colócase como cuarto na táboa se empezase a contar desde xaneiro. Os de Ferrolterra contabilizan 16 puntos, froito dos catro triunfos e catro empates cultivados en oito xornadas. Nunha liña positiva tamén se está movendo o Xove Lago, que totaliza 13 puntos de catro vitorias e empate.

No polo negativo atópase o Castro de Ribeiras de Lea, que non sabe o que é gañar un partido. É máis, dos vinte e catro puntos posibles só foi capaz de sumar dous, en senllos empates. Os outros oito restantes foron derrotas que acabaron coa destitución do adestrador este pasado domingo tras o empate co Flavia.

Nesa mesma liña, é dicir, negativa movéronse os equipos do Dubra, aínda que os de Bembibre suman un partido menos, Santaballés, Noia e Viveiro. Despois, conxuntos como O Val, Laracha ou Santiago manteñen unha traxectoria moi parecida á que ofreceron ata marcharse de vacacións do Nadal.


elcorreogallego.es


Sem comentários: