4/15/2010

“As excelencias de Reganosa”

Ferrol, 14 de Abril de 2010, chegamos, sobre as oito menos vinte da tarde a Escola Universitaria Politécnica, Naval e Industrial, da Universidade d’A Coruña, no Campus de Ferrol – Serantes. Nada máis entrar observamos que a “Coca-Cola” o invade todo. Enormes letreiros postos no hall de entrada e noutras salas, grande botellón incluído, dan a medida dunha universidade acrítica imbuída polo sistema non só polo modelo productivista, baseado no crecimento, senón que o modelo consumista quedaba patente. As poucas persoas que entraban na sala ían recibindo o Boletín nº16 do Comité Cidadán, ao comezar pouco máis dunha trintena de persoas ocupaban asento.
Jesús Losada Maseda, daba unha conferencia titulada “Operación dunha planta regasificadora de gas natural licuado”, mais non se ía falar dunha planta regasificadora calquer, senón que o modelo a expor era nin nada máis nin nada menos que Reganosa.
Unha representación do Comité Cidadá de Emerxencia para a Ría de Ferrol, asistiu á conferencia que o Xefe de Mantenimento de Reganosa, Jesús Losada Maseda, ofreceu, hai unhas horas, na Escola Universitaria Politécnica de Serantes. Unha conferencia que trataba de explicar o funcionamento dunha planta de GNL, exemplificada no caso Reganosa. Jesús Losada Maseda foi describindo o itinerario do gas, desde os pozos de extracción até os puntos de consumo, obviando e mesmo ocultando deliberadamente todos os aspectos conflitivos derivados do funcionamento e localización da planta regasificadora. Ocultou as dificultades que teñen os gaseiros para chegar até a planta, o perigo que supón as instalacións de Forestal do Atlántico e Imegasa achegadas á mesma. Non mencionou o tratamento con hipoclorito sódico das 5.500 toneladas/hora de auga do mar da Ría que esteriliza e enfría. Na descrición do sistema gasístico non mencionou o gasoduto de Tui, fechado para beneficiar a Reganosa. … Toda a charla foi un canto á excelencia da planta e o seu altísimo nivel de seguridade e transparencia. Por parte do CCE, desde o público, se lle recriminou esa manipulación. Lembrou-se-lle a inadecuada localización da planta xunto a importantes núcleos de poboación e nunha Ría cun canal de navegación estreito e sinuoso que nunca vai permitir evacuar un gaseiro en caso de emerxencia. Ademais de que máis do 20% dos gaseiros, desde que entrou en funcionamento a planta, tiveron que abortar a súa entrada polas condicións meteorolóxicas. Tamén se lle recordou que a planta entrou en funcionamento sen Plan de Emerxencia Exterior e que o que agora existe é inoperativo en caso de accidente. O coloquio gañou intensidade cando se lle pediu que explicase como é que xa por dúas ocasións, Reganosa fai saltar as alarmas do sistema gasístico, ou as mentiras que contén o proxecto presentado polos promotores en canto a demanda de gas … Jesús Losada Maseda, dixo manter unha reunión de coordinación na planta -de dúas horas de duración- cada vez que se realiza unha operación de descarga, desde o público se lle dixo “lembrade en cada unha desas reunións que estades xogando coa vida de miles de persoas nesta comarca“. Moitas foron as preguntas, denuncias e reflexións das persoas que asistiron á conferencia, coas que quedou patente o despropósito gasístico que representa Reganosa.

Unha charla que pretendía ser técnica, que pretendía vender a Reganosa como un modelo de empresa e xestión de calidade, quedou combertida nunha denuncia cidadá contra a planta de gas.

A representación da comunidade universitaria, asistía atónita a como discorría o debate, só unha pregunta saíu das bocas estudantís: ” … se pude visitar Reganosa …”. O debate continuou na propia sala despois da conferencia, mentres unha vintena de estudantes asinaban nunha folla para que se lle recoñeceran os “créditos” por asistir á conferencia.

Cantas persoas van reflexionar sobre o que se debateu nesa sala é unha incógnita, mais o traballo do Comité Cidadán quedou feito.

Comité Cidadá de Emerxencia

Colectivo Ártabra 21

Sem comentários: