Gas Galicia ten previsto iniciar en breve a execución do proxecto para que os ponteses e as empresas do municipio conten con gas natural o ano que vén. De acordo coa información facilitada polo alcalde, Valentín González Formoso, a empresa ten previsto investir 2,4 millóns de euros entre este ano e o próximo para estender a rede de gas no centro da vila pontesa e os dous polígonos industriais.
O rexedor avanzou que nos próximos días a compañía presentará no Concello dous proxectos diferenciados: un para construír unha planta de almacenamento de gas natural, que estará situada no polígono dos Airíos, e tender sete quilómetros de tubaxes polo centro urbano. Estas actuacións custarán 1,2 millóns e executaranse ao longo deste ano. O outro proxecto, cun importe similar e que se acometerá ao longo do 2011, comprenderá a extensión da rede de distribución de gas natural aos dous polígonos principais do municipio: Os Airíos e Penapurreira.
Empresas interesadas
González Formoso destacou que os veciños e as empresas das Pontes disporán dunha nova fonte de enerxía «máis barata e cómoda», que chegará ao municipio procedente da planta de gas de Reganosa, en Mugardos. Un dos tendidos principais discorre polas Pontes.
O rexedor avanzou que xa algunhas compañías instaladas en Penapurreira, como Einsa, decidiran non esperar ao proxecto de Gas Galicia construíndo a súa propia planta de almacenaxe, e que moitas outras industrias mostraran o seu interese en contratar a subministración.
González Formoso e outros membros do goberno municipal mantiveron recentemente unha reunión co director xeral de Gas Galicia, Javier Ordiz, para coñecer os plans de construción do tendido nas Pontes.
Nese encontro, ademais de coñecer o plan de traballo detallado, o rexedor puxo sobre a mesa de Gas Galicia a necesidade de que a compañía conte con empresas e man de obra locais para levar a cabo os traballos.
Autorizacións
Gas Galicia resultou adxudicataria do concurso convocado pola Xunta para tender a rede de gas nas Pontes e xa conta con autorización para executar o proxecto. Nas próximas semanas, unha vez obtido o permiso municipal de obras, iniciará os traballos.
Sem comentários:
Enviar um comentário