8/18/2010

A fusión perde gas

Caixa Nova Galicia, blindamos a "Galeguidade"

Opinión de Carlos Luis Rodríguez

SOLVENCIA e galeguidade. Solvencia e galeguidade. Solvencia e galeguidade. Velaí o mantra que presidiu todo o proceso de fusión das caixas galegas. O díptico repetiuse machaconamente para sinalar os dous alicerces sobre os que había de asentarse o futuro dunhas entidades robustas e ao tempo patrióticas. Pois ben; o tempo non tardou en dar boas oportunidades de demostralo.

Superouse a proba da solvencia. O famoso test que obrigou a espir ante Europa as interioridades de bancas e caixas deixou en bo lugar á fusión, e en evidencia aos múltiples agoreiros que presumían o contrario. A operación non só estaba animada por un impulso sentimental, senón que vén avalada por un recoñecemento serio, obxectivo, concluínte.

O segundo dos requisitos chega da man de Reganosa. É un investimento estratéxico? Se non o fose, que as caixas quedasen ou se fosen do seu accionariado, sería irrelevante. Nese caso, habería que considerar a desinversión como un movemento máis no taboleiro financeiro e empresarial. Con todo, díllenos que o tapete no que está a planta é doutro tipo.

Forzas políticas, sociais e económicas insisten en que unha Galicia privada do complexo sería energéticamente máis débil. A propia Xunta así o cre, e por iso mantense no accionariado, sen que os cambios de goberno alteren a postura. En consecuencia, a tan sobada galeguidade obrigaría a manterse na empresa, a pesar dos abandonos que se produciron.

A fusión faise precisamente para isto. Non queremos que Galicia simplemente teña unha marca na primeira división de entidades financeiras, senón que gañe algúns partidos importantes para dar gusto á afección e fortaleza á nosa economía. Un dos factores que fixeron ver a fusión como algo desexable foi a derrota do capital galaico en Fenosa. Daquel Medulio quedou a sensación de que unha entidade ao estilo da Caixa impedise o fracaso, ou polo menos lograría que a fronte galega non se parecese ao exército de Pancho Vila.

Salvando todas as distancias, Reganosa é unha reedición daquel episodio. Se a actitude das caixas é idéntica, se se segue a mesma pauta derrotista que en Ence ou a autoestrada, se a fusión non vale para pór toda a carne no asador cando é preciso, se todo é así, entón a operación tería pouco sentido. Deixaría de ser verdade que a principal beneficiaria da unión é Galicia.

Non vale que se nos diga que a saída das caixas galegas de Reganosa é unha decisión impecable desde o punto de vista financeiro. Así como o Barça é máis que un club, estas caixas son máis que un banco calquera, ou así polo menos fáillenos ver. Se á hora da verdade actúan igual que o Pastor ou o Santander, toda a lóxica da fusión se desmorona, e os galegos terán que pensar que a fusión non lles concierne. Solvencia e galeguidade?


elcorreogallego.es

Sem comentários: