Reganosa celebrará unha xunta extraordinaria de accionistas o próximo día 3 de setembro, a petición do Executivo autonómico, para abordar unha posible modificación dos seus estatutos. Este cambio iría na dirección de permitir que as empresas galegas teñan un "dereito de adquisición preferente" no caso de que outros accionistas desfáganse da súa participación na empresa.
Concretamente, o director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Anxo Bernardo Tahoces, indicou onte que el mesmo foi o encargado de pedir a convocatoria desta reunión co obxectivo de analizar esta medida, sobre todo despois de que as dúas caixas galegas anunciasen fai escasos días a súa decisión de saír do capital da planta regasificadora, tal e como anunciou Xornal. Concretamente, entre as dúas caixas sumaban un 15% de participación, do cal un 10% correspondía a Caixa Galicia, e un 5% a Caixanova.
De feito, o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, sinalou naquel momento que a Xunta promovería que fosen empresas galegas as que se fixesen coas participacións das caixas. Así, o titular de Economía anunciaba a solicitude da Xunta ao consello de administración de Reganosa, da cal o Executivo autonómico posúe un 10%, de poder "transferir" o dereito de tenteo a empresas galegas que opten por comprar accións, é dicir, que ese dereito que teñen os socios puidese ser ampliado a calquera empresa da comunidade que quixese adquirir accións desta empresa.
Neste sentido, Tahoces apuntou que os contactos con empresas galegas son un asunto "reservado" do que se encarga o conselleiro "ao máis alto nivel", pero en calquera caso, a consellería de Economía "traballará" polo cambio dos estatutos para favorecer a presenza galega na empresa.
xornal.com
Sem comentários:
Enviar um comentário