3/10/2011

O Dez de Marzo do Setenta e Dous



O Ferrol do setenta e dous acollía unhas importantes asembleas clandestinas, os vocais xurados que representaban os intereses dos traballadores do naval foron suspendidos de emprego e soldo. Decatáronse nas primeiras horas da mañá do día nove de marzo de mil novecentos setenta e dous. A noticia correu como a pólvora pola contorna do estaleiro, e en solidariedade cos seus compañeiros concentráronse nas bancadas centos de traballadores. De alí foron á chaira onde se atopaban as oficinas da dirección da empresa e escoitaron as palabras do director, que non logrou convencelos. Nese lugar permaneceron sen retornar ao seu posto de traballo ata ben entrada a tarde. O requirimento das autoridades para que abandonasen a empresa non foi suficiente para disolvelos. Eran, as tres e media da tarde, e as forzas de seguridade do Estado tomaron a empresa. Había varias grileiras dentro do estaleiro e sobre as cinco e cuarto da tarde, baixáronse numerosos policías cargados coas súas porras e demais utensilios de forza, e non dubidaron en cargar contra os indefensos traballadores.

Á saída do estaleiro esperáballes outro bo número de efectivos policiais que os acurralaron, repartiron paus de xeito abondo a torto e a dereito. Varias pelotas de goma romperon cristais dalgunhas casas particulares do barrio de Esteiro. Os botes de fume e os porrazos estaban na orde do día, moitos obreiros xacían no chan doridos polas malleiras. Os traballadores corrían por todas as esquinas posibles para escapar do asedio dos temibles corpos de seguridade represores daqueles tempos de ditadura vinda a menos. Estaban acurralados. Foron numerosos os feridos, por medo a curar as súas feridas nos hospitais e evitar represalias das autoridades, acudían ás agachadas as súas casas particulares, cuxos propietarios atendíanos de xeito clandestino.

O meu avó estaba cansado de tanto correr; escondeuse entre as árbores do cantón, o barullo e o alboroto, creaba neses momentos a imaxe do caos en Ferrol. Tiña medo, eran numerosos os policías que corrían detrás dos traballadores ensaiándose con eles a golpes coas súas porras. Recibira un pelotazo de goma nunha perna, non podía camiñar sen ter que soportar unha enorme dor. Quería refuxiarse en casa da miña nai, que por aqueles tempos vivía na Travesía de San Luís, xusto enfronte do Campo de Batallóns. Como puido, foi evitando aos policías, que ao velo tendido o aporreaban ao seu paso sen miramento algún. Logrou a duras penas chegar a casa da miña nai, malferido, atemorizado polo que acababa de vivir.
Era o dez de marzo de mil novecentos setenta e dous no antigamente chamado Ferrol do Caudillo. Ao día seguinte, os traballadores dos estaleiros, demostrarían un espírito de unión obreira exemplar para que en moitas localidades de Galicia e España alzásense a reivindicar os seus intereses. Decidiron agruparse enfronte as portas do estaleiro a primeiras horas da mañá. Para reivindicar a represión sufrida o día anterior. Decidiron facer paro xeral ese desgraciado día dez de marzo. Como o goberno non estaba disposto a tolerar ese tipo de situacións no país, enviaron a Ferrol maior presenza policial.

Os obreiros só desexaban manifestar un trato digno, o dereito a ser escoitados en negociacións futuras, a non ser reprimidos pola forza bruta que demostraba a policía por aqueles tempos. Estábaselles privando dos seus dereitos. Pero cando comezaron o seu percorrido polas rúas, as forzas de seguridade do estado ditatorial xa os estaban esperando. Eran unhas catro mil persoas, unidas para reivindicar os seus dereitos, pero non os escoitaron. A policía recibiu a orde de cargar contra a multitude, cando esta iniciaba o seu percorrido polas Pías en dirección a Caranza. Os obreiros no canto de acovardarse e fuxir como o día anterior, enfrontáronse con valentía ás forzas de seguridade, cargados con paus e pedras, decididos dunha vez por todas a loitar unidos. Pero a policía disparou de xeito indiscriminado, cos seus zetas metralladoras e as súas pistolas, logrando alcanzar a numerosos feridos. Aos desgraciados dez minutos xa había un morto. E outro máis pouco despois. Os seus propios compañeiros trasladáronos ao hospital, mentres outros, xa toleados pola noticia que correu como un raio da morte dun compañeiro, lograron acovardar aos sorprendidos policías que nada puideron facer para reducilos que escapar do lugar.

Creáronse piquetes informativos para que os veciños de Ferrol e a súa comarca soubesen o que acababa de acontecer. Ese día houbo centos de aporreados, máis dunha ducia de feridos de bala, entre eles dous mortos. A todo xuízo racional quédalle manifesta a desproporcionada actuación das forzas de seguridade do réxime de Franco. Ese día Ferrol era unha cidade asustada. As persoas encerrábanse nas súas casas, medorentas de futuras detencións que finalmente se produciron.

O meu avó materno, maltreito das feridas do día anterior, non puido acudir á manifestación dese desgraciado dez de marzo. quedo en casa, pendente da radio e o televisor. Salvando se cadra a súa vida. Se non chega a estar maltreito, a recado que estaría aí ao pé do canón. Iso si, acudiu ao enterro dos compañeiros falecidos, onde segundo contaba había centos de policías custodiando o mesmo. Coma se iso fose unha nova manifestación que o réxime franquista entendía como perigosa. Eran os últimos avatares da ditadura. Pero foron momentos duros, cheos de dor, dunha unión obreira exemplar para calquera lugar do mundo. Os falecidos convertéronse nunha especie de mártires da súa Loita. Hoxe en día, no barrio de Recimil (Ferrol), pódese observar o Monumento ao Obreiro. Cada dez de marzo, celébrase un acto de ofrenda en recordo daqueles feitos, dos falecidos Daniel Néboa e Amador Rei. Cada ano realízase unha sincera homenaxe a ese espírito de unión obreira exemplar no ano setenta e dous.

O pai da miña nai contaxioume ese espírito de loita que debemos de ter todos para reivindicar os nosos dereitos dun xeito civilizado, que nunca deberemos de acovardarnos a esixir os nosos dereitos e liberdades. O meu avó Xurxo relatoume no seu día estes feitos, sendo para min unha declaración moi importante sobre o sucedido ese día de marzo, xusto un ano antes de que eu nacese. Crecín coa loita obreira na sociedade, sentín esa loita obreira que operaba na rúa, crecín con ese espertar cara a unha democracia, e con reconversións navais.

Briga de Gallecia


Sem comentários: