Plan de Emerxencia Exterior (PEE)
En agosto de 2007, a entón directora xeral de Protección Civil da Xunta, Esther González, calculou un ano de prazo para a implantación do Plan de Emerxencia Exterior (PEE) de Reganosa. transcorreron catro, cun cambio de goberno por medio, e a Xunta ten pendente aínda completar o proceso. Está previsto que o faga, por fin, no presente 2011.
O PEE de Reganosa está "colgado" desde o 31 de xullo de 2007 na web da Dirección Xeral de Protección Civil. Nos seus 106 páxinas defínense 40 supostos de urxencia e os protocolos de actuación que deben seguir os grupos operativos de actuación -bombeiros, policía ou voluntarios de Protección Civil- e a poboación. Identifícase un perímetro de 400 metros que se denomina zona "de intervención" e establécense os pasos a seguir para a implantación do plan, entre os que están a información á poboación e a realización de simulacros.
Ata 2009, dous anos logo da entrada en fase de actividade comercial da planta regasificadora, non se colocou nas inmediacións a torre de sirenas que habería de dar a alarma en caso de accidente. Fóronse realizando, iso si, os labores de divulgación e información á poboación. Desde a Consellería de Presidencia, da que depende a Dirección Xeral de Protección Civil, indicouse onte que se realizaron percorridos porta por porta na área máis próxima a Reganosa e que se repartiron máis de 3.000 folletos informativos. O labor de divulgación realizouse fundamentalmente no ano 2008 e desenvolveuse máis ben de forma discreta. De feito, en xuño daquel ano a Dirección Xeral de Protección Civil elixiu un lugar ben afastado da zona "de intervención" para ir celebrar unha "Xornada de Formación de Xornalistas" sobre o Plan de Emerxencia Exterior de Reganosa: o hotel Meliá, na Coruña.
A estas alturas, a Dirección Xeral de Protección Civil está ultimando os manuais operativos dos grupos de acción e prevé realizar ao longo do presente ano un simulacro ou un exercicio no que se activará de forma ficticia o Plan de Urxencia Exterior.
En xeral, a pauta que ha de seguir a poboación en caso de accidente é o confinamento, é dicir, manterse dentro das súas casas e esperar as instrucións que se darían a través da radio. Segundo o PEE, realizaranse probas de sirenas para que a poboación coñeza o seu son e, nesas ocasións, contarase coa colaboración dos medios de comunicación. Ademais, cada tres anos farase unha revisión do plan, avaliando o resultado dos simulacros.
Xunto ao PEE de Reganosa, a Xunta ten "colgados" os de Forestal do Atlántico "cuxos supostos de accidente afectan en exclusiva ao interior da empresa" e outras catro empresas en Galicia, incluído o da refinería de Repsol na Coruña.
Diario de Ferrol
Sem comentários:
Enviar um comentário