6/25/2009

EU-IU de Mugardos recorrerá a resolución do "caso Virgin"

Concelleira de EU-IU de Mugardos, Pilar Díaz Otero

A edil do Grupo Municipal de EU-IU de Mugardos, Pilar Díaz Otero, anunciou nun comunicado que EU-IU, acudida como acusación popular na causa que investigaba a existencia dunha presunta trama ilegal de intereses inmobiliarios en Mugardos, recorrerá o auto ante a Audiencia provincial da Coruña nos próximos días.
A concelleira de Mugardos sinala que durante as dilixencias previas, remitiu á Fiscalía documentación oficial do departamento de Urbanismo do municipio ao que tiñan acceso todos os grupos políticos, por "se fose constitutivo de delito".
Durante a investigación do caso Virgin, a edil de Esquerda Unida liderou unha moción para retirar o soldo do alcalde nacionalista, Xosé Fernández Barcia, durante catro meses como medida de castigo ao rexedor, á que se sumaron todos os grupos da oposición (PP, PSOE e Independentes por Mugardos) no municipio que goberna o BNG.
O rexedor mugardés, Fernández Barcia tamén anunciou nas últimas horas que non descarta denunciar a quen cuestionaron publicamente a súa honorabilidade, e sinalou directamente á edil de Esquerda Unida en Mugardos, Pilar Díaz, ademais do socialista Ramón Toimil e o independente Manuel Fariña como os artífices dun "xuízo paralelo" para apartalo da alcaldía.
A Fiscalía tamén anunciou a súa intención de recorrer "con toda probabilidade" o auto ditado polo xuíz Pablo García Suárez, que anulaba as intervencións telefónicas que deron lugar á investigación, por considerar que as escoitas non estaban fundamentadas en indicios de delito, senón en meras sospeitas.

Xornal.com

Sem comentários: