1/31/2010

Gasoduto de Reganosa a Portugal

Galicia e Portugal negociarán a conexión, segundo acordaron Feijóo e o primeiro ministro portugués, José Sócrates

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, propúxolle onte ao primeiro ministro portugués, José Sócrates, que estude a viabilidade de conectar cun gasoduto as liñas xa existentes en Galicia coas portuguesas a través de Tui. O obxectivo da Xunta é que a planta de Reganosa da ría de Ferrol abasteza de gas ás empresas e vivendas do norte de Portugal. Segundo dixo, trátase “dunha infraestrutura que sería clave para Galicia e clave para Portugal”.

Precisamente, neste mes de xaneiro, Gas Natural, propietaria do 21% de Reganosa, asinou un acordo coa planta gasística para exportar gas ao país veciño.

Outro dos temas fundamentais da reunión entre Feijóo e Sócrates foi a posibilidade de que se asine un pacto entre Estados para o AVE Vigo-Porto, similar ao que a Xunta xa asinou con Fomento para a rede galega. Esta mesma petición faralla Feijóo ao ministro de Fomento, José Blanco, na reunión que manterán o luns en Madrid.

Feijóo dixo que Sócrates lle reiterou a “decisión estratéxica” do Goberno portugués de acometer esta liña, polo que “agora queda concretar como podemos chegar a finais de 2015 con esta infraestrutura a piques de ser rematada”. Esa foi a única referencia a unha data de remate xa que, segundo dixo o presidente da Xunta, ao igual que no caso das liñas galegas, o importante é “a data de comezo” e que se dean os pasos necesarios para a licitación.

Porén, o actual Pacto do Obradoiro xa recolle unha referencia, aínda que mínima e sen datas, a dita conexión. Nese documento atribúese ao Goberno galego a responsabilidade de acadar un trazado consensuado cos concellos entre Vigo e o río Miño. Onte, Feijóo eludiu indicar o grao de cumprimento pola Xunta dese acordo.

Xornal.com


ferrolsuso.blogspot.com

Sem comentários: