5/12/2010

Cursos de prevención para desempregados


O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) decidiu, de forma extraordinaria, impartir en Ferrol cursos básicos de prevención de riscos laborais dos que poderán beneficiarse trescentos desempregados. A iniciativa é posible grazas ao Plan Ferrol.

Trescentos desempregados das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal poderán asistir na cidade naval ao curso básico de prevención de riscos laborais, unha formación indispensable para traballar no sector naval e en numerosas actividades industriais. De forma extraordinaria, o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), que adoita desenvolver estas actividades na súa sede da Coruña, impartirá os programas nas aulas do Forga e o Formega, cumprindo con iso un dos compromisos do Plan Ferrol.
A directora do Issga, Adela Quinzá-Torroja, presentou onte a iniciativa co director do Plan Ferrol, Alejandro Langtry, e o presidente da Asociación Impulsora, Xulio Abelleira. Sucederanse varios cursos a medida que se vaian cubrindo prazas e está previsto que o primeiro comece o día 24 e que se prolongue durante 50 horas, das cales 20 serán presenciais e o resto desenvolveraas o alumno pola súa conta, coa axuda de materiais didácticos e o apoio constante do titor.
O horario deste primeiro curso será de tarde, de catro a nove, e os interesados en participar poden realizar a súa inscrición chamando ao número 981 337 122, ou ben dirixíndose á Unidade de Promoción e Desenvolvemento da Asociación Impulsora do Plan Ferrol, que ten a súa sede no CIS, ou a calquera das entidades sindicais e empresariais que conforman a citada entidade.

Sem comentários: