5/12/2010

O gas natural viaxa polas perigosas estradas galegas

Prohibido transporte de mercadorías perigosas
O pasado mes de xuño un tren descarrilaba na estación de Viarreggio na Toscana italiana. A explosión de dous vagóns que transportaban gas provocou unha forte explosión que derrubou dous edificios e acabou coa vida de 28 persoas. A asociación ecoloxista Verdegaia teme que un accidente similar poida ocorrer na comunidade galega debido ao incremento que está experimentando o transporte de gas natural por estrada.

Na comunidade está prevista unha rede de gasodutos que contecten coa tubaxe principal que discorre entre Ribadeo e Tui. Pero a construción dos ramais acumula xa importantes atrasos. As gasísticas cambiaron de estratexia e envían o gas natural en camión desde a planta de Reganosa en Mugardos ou desde zonas máis afastadas, como Huelva, ata as plantas satélite de regasificación.

Polo menos 24 depósitos están xa proxectados, en construción ou en funcionamento en Galicia. Gas Natural insistía onte en que son provisionais e que se cumpre a normativa de transporte de mercancías perigosas. Pero Verdegaia mostra receos. "Tememos que a intención é que queden para sempre", denuncia Santi Moroño, membro da área de enerxía e transporte da organización ecoloxista. Para xustificar as súas sospeitas recorre ao caso da planta satélite de Ribeira. A pesar de que a rede municipal de distribución aínda está en obras, a compañía ha decido non esperar ao gasoduto. Para Verdegaia a razón hai que buscala nos custos. Plántaa satélite constrúese por uns 350.000 euros mentres que o ramal subterráneo ascende a 14 millóns. A Xunta subvenciona as obras.

Segundo os cálculos realizados polos ecoloxistas os camións que salgan de Mugardos con destino a Ribeira pasarán a menos de 500 metros de 12.000 casas. Verdegaia estima que cando se contecte a conserveira Frinsa será necesario que tres camións cada día realicen o traxecto. "Toda a cuestión mil veces comentada dos perigos de entrada de barcos cargados con gas natural na ría de Ferrol esténdese capilarmente polas estradas galegas", denuncia Santi Moroño. Os ecoloxistas solicitaron onte por cuarta vez á Consellería de Industria unha reunión para manifestar a súa preocupación sobre o asunto.

Plantas de "baixa calidade"

Tras revisar en profundidade a planta satélite de Ribeira, Verdegaia manifesta a súa preocupación pola "baixa calidade" dos proxectos destas instalacións. Denuncian que para "baixar custos prevese que traballen sen atención humana presencial".

Ademais da de Ribeira, Gas Natural ten previstas plantas en Carral, Barreiros, Cervo, As Pontes, Salvaterra do Miño e Cerceda. Xa funcionan as de Cee, Cangas e Sanxenxo. Pola súa banda Endesa prevé instalalas en Cedeira, Noia, Melide, Monforte, Chantada, Burela, Viveiro, Foz, O Barco, Verín, Xinzo, Lalín, A Estrada, O Grove e A Guarda.

elcorreogallego.es

Sem comentários: