Lupe Martínez
Cátedra: revista eumesa de estudios, ISSN 1133-9608, Nº. 15, 2008, pags. 7-18
"Tendo en conta a situación nacional e internacional, 'botarse ao monte' á altura do ano 1948 pode parecer unha decisión suicida e, sen dúbida, éo. No interior, o réxime franquista facíase recoñecer a pistoletazo limpo e, no exterior, as potencias democráticas lexitimábano coa súa inacción e con actuacións tan desalentadoras como a nota do mes de abril de 1946. Nela, os ministros de Asuntos Exteriores de Estados Unidos, Francia e Gran Bretaña, instaban ao pobo español a ser el mesmo, sen inxerencia externa, o que restablecera un goberno democrático se así o desexaba. Devolvían deste xeito a pelota ao tellado dos opositores ao fascismo, confiados en que a vitoria aliada na II Guerra Mundial levaría a intervención destes e a inevitábel caída do réxime do xeneral Franco. Este, contando xa coa tranquilidade que a non intervención internacional lle proporcionaba, dispoñía de total liberdade para poñer en funcionamento toda a maquinaria represiva ao seu servizo e nas súas múltiples variantes, co fin de cortar calquera intento de atacar a 'nova España'.
Polo tanto, ante un panorama tan negro no que parece difícil imaxinar que un pobo aterrorizado tras unha guerra devastadora e unha posguerra non menos traumática, famento e afogado no pozo da miseria, poida rebelarse con éxito, 'botarse ao monte' en 1948 so pode ter unha triste lectura: a de fuxir dunha morte segura ou, cando menos, dunha situación de acoso e persecución difícilmente soportábel.
Cando Francisco Martínez Leira Pancho foxe ao monte o 22 de xaneiro de 1948, tras descubrirse a súa participación na folga do aceite e o azúcre que se desencadena en Bazán no ano 1946, faino para iniciar a derradeira viaxe da súa vida; prolongarase durante case sete anos e estará salpicada de múltiples accións que o converterán nun dos guerrilleiros máis sobranceiros das terras do Eume.
Pancho, militante do PCE, foxe ao monte nun momento especialmente critico para o discorrer da loita armada. A principios de 1948, a guerrilla sofre un acoso permanente por parte dunhas forzas represivas que van encadeando triunfos na particular guerra que manteñen cos homes do monte e que, nos meses posteriores, culminará coa detención dos líderes comunistas José Gómez Gayoso e Antonio Seoane Sánchez, os homes que levaron a guerrilla ao seu maior desenvolvemento e grao de combatividade. Os febles intentos do PCE por reconducir aos homes do monte serán estériles. Os novos dirixentes, José Sevil ou Coronel Benito, pouco poderán facer xa para endereitar a agónica situación.
As sucesivas caídas de guerrilleiros, puntos de apoio e enlaces multiplicaranse nos meses posteriores, e Pancho será testemuña directa do triste final dos seus compañeiros e do abandono ao que teñen que facer fronte os poucos que aínda resisten a ofensiva final das forzas represivas. Nese mesmo ano 1948 o Partido Comunista decide poñer o punto e final á súa tutela sobre a guerrilla e. aínda que esta tarda uns anos en verificarse por completo, o certo e que os homes do monte vivirán no maior desamparo as últimas sacudidas da loita armada. Aínda así. Pancho protagonizará un bo número de accións contra os paladins do réxime, ben como un guerrilleiro máis do Destacamento Arturo Cortizas ou ben como xefe da IV Agrupación do Exercito Guerrilleiro de Galicia, nomeamento que lle sobreven tras a marcha de Francisco Rey Balbis Moncho a Francia en 1950.
Dúas datas de vital importancia á hora de intentar trazar a rota que Pancho segue dende que foxe ao monte até que é abatido pola Garda Civil, son as referentes ao seu bautizo de fogo e ao momento da súa caída, Paradoxos da vida. e como nun intento de pechar o circulo, as dúas datas coinciden co comezo e a fin de 1949 e 1954 respectivamente.
A primeira data para o recordo é o 1 de xaneiro de 1949, case un ano despois de verificarse a súa fuxida: e a segunda data de especial interese é o 31 de decembro de 1954. día no que, co seu asasinato. se pon o punto e final á súa aventura revolucionaria. O obxectivo deste traballo non é outro que o de rememorar o particular viacrucis do noso home: o de recapitular as súas accións como fuxido, acompañado nun primeiro momento e so nos derradeiros intres da aventura, sen máis miras que as de custodialo na súa última viaxe.
Pouco podía presaxiar o grupo de veciños de Mugardos que celebraba a chegada do novo ano 49 no bar El Mugardés, que a festa se truncaría as 2:30 horas da mañanciña, cando tres guerrilleiros, Pancho, Riqueche e probabelmente Antonio Castro López Tocho, fixeron acto de presenza. Cominaron aos presentes a erguer os brazos, momento no que o veciño Juan Rey Mauriz. imbuído polo ambiente festivo e crendo que se trataba dunha broma, se dirixiu a Pancho, o guerrilleiro que levaba o peso da operación, dicíndolle: "tírame a min covarde". Pancho empurrouno, obviouno, disparoulle aos pos e dirixiuse ao seu obxectivo: Manuel Vázquez Fariña, ex alcalde franquista, delegado gobernativo e empregado como xefe administrativo de Bazán. A sorte aliouse con este, pois cando o guerrilleiro se dispoñía a dispararlle, de socato, a pistola atrancóuselle. Fariña, ante a dualidade de fuxir ou morrer, opta pola primeira e lánzase a carreira cara ao patio na compaña de Juan Rabina Cañizo, José Rojo Toimil e Arsenio Muñiz. Fernandez, Fariña, Cañizo e Toimil conseguen burlar os disparos que realiza Pancho; non así Arsenio Muñiz, que queda tendido na escaleira de caracol, morto. ...
Tras este incidente decrétase a detención de significados 'marxistas' que puidesen estar relacionados co intento de asasinato de Fariña e o asasinato de Muñiz. Trátase de Francisco Loureda Silvar Pellejo, José Fuentes Justo Pitón, Antonio Martínez Ferro Malayo, Román Ferrer Fernández Antopas, Juan Carnero Casal, Manuel Pérez Prados Porga, Manuel Bello Cartelle Xilguero e Florentino Iglesias Várela Floro, este último casado con Antonia Martínez Leira, irmá de Pancho. O 3 de xaneiro, catro deles, Francisco Loureda, José Fuentes, Florentino Iglesias e Antonio Martínez, son conducidos ao Val (Narón) co fin de que sinalen os puntos de apoio dos guerrilleiros nesa zona. Nas inmediacións do camiño de Mandiá, no punto de Catabois, o atestado policial fai constar que os catro homes intentaron fuxir amparándose na escuridade e na maleza existente. Tras desoír as voces de "alto" do sarxento Eduardo García Muñoz e, ante a posibilidade de perdelos de vista, a 'forza' abriu fogo causándolles a morte.... [Ler máis]
Grazas ao comentario de AngeldeCardido
Sem comentários:
Enviar um comentário