4/13/2009

Reganosa queda obsoleta cos novos megabuques

Gaseiro "Al Marrouna" atracando esta tarde na planta de gas de Mugardos (reganosa.ferrol )

O mercado do GNL está pasando por unha forte transformación e modernización técnica para facelo máis competitivo e atractivo aos consumidores. Por unha banda mellorouse a tecnoloxía das plantas de licuefacción de gas natural logrando licualo a menor custo e por outra utilizando plantas regasificadoras menos contaminantes e incorporando as modernas plantas flotantes (FSRU en offshore) afastadas de zonas poboadas ou frecuentadas polo público.
Desde o punto de vista do transporte a tecnoloxía actual dos buques gaseiros desenvolveuse cara a buques de maior capacidade de carga como os gaseiros tipo Q-flex ou como os Q-max.
Estes buques gaseiros de dobre liña de eixos e temóns xemelgos son impulsados por motores diesel lentos con mellor rendemento enerxético que as plantas propulsoras dos gaseiros actuais xa que a maioría son propulsados por plantas a vapor a turbinas engranadas a unha soa liña de eixos. O combustible utilizado nestas plantas é o propio gas natural que transporta.
A planta regasificadora de Bilbao operada por BBG xa recibiu, en xaneiro deste ano, un destes buques Q-max de nome Mozah, xa que o seu pantalán e porto permíteno. As plantas regasificadoras españolas situadas en Sagunto, Cartaxena, Huelva e Barcelona están facendo provisións orzamentarias para adecuar os seus terminais de descarga ás inminentes atracadas destes grandes e modernos gaseiros.
A planta regasificadora da Ría de Ferrol non podería recibilos debido ás serias limitacións en calado e trazado da canle de acceso ao interior da ría.
Debemos remarcar o feito que dos corenta gaseiros que recibiu a planta regasificadora unha decena tivo que arribar na Ría de Ares debido ás condicións climatolóxicas existentes na canle de acceso á Ría de Ferrol (principalmente ventos e néboas) e esperar a que fosen favorables para unha navegación sen riscos por devandita canle.
Obviamente estes buques de maior calado e manga que os convencionais non poderían entrar na Ría de Ferrol polo que a planta regasificadora estaría condenada a recibir os vetustos gaseiros propulsados a vapor e de baixa rendibilidade económica.

Sem comentários: