4/29/2009

Orzamentos moi inflados

O goberno de Xosé Fernández Barcia, á fronte da Alcaldía de Mugardos, sacou adiante o pasado venres o orzamento para a presente anualidade co respaldo dos concelleiros do PSdG-PSOE e Independentes por Mugardos.
O grupo do PPdG e a edila de EU-IU votaron en contra dun proxecto contable, que ascende a 7.156.001 euros. Esta cantidade difire en máis de 600.000 euros con respecto á que estivo en vigor ao longo do pasado ano. Segundo o alcalde, a diferenza obedece ao ingreso, por parte de Reganosa, dos case 700.000 euros que a empresa achegará ás arcas municipais en concepto de Imposto de Bens Inmobles (IBI).
Por outra banda, cabe destacar outras cantidades tamén recollidas no documento e coas que a administración mugardesa pretende facer fronte a actuacións como a construción do centro de día, a piscina climatizada, o pavillón polideportivo e a instalación dunha canalización propia para a subministración de auga ao municipio a fin de evitar a caída de presión que se produce sempre que existe unha demanda non habitual por parte da planta de gas. A esta última intervención, valorada en máis de 1,8 millóns de euros, o Concello contribuirá cunha partida de 460.000 euros.
Outra actuación tamén prevista polo goberno de Mugardos para o presente exercicio é a obra para mellorar a subministración de auga ás poboacións de Franza, O Seixo e San Xoán.
O orzamento global que require esta actuación rolda os 400.000 euros, dos que a administración local achegará case a metade.

Sem comentários: