O xuíz declarou a "radical nulidade de todo o actuado" no caso Virgin, que investigaba unha presunta trama de corrupción urbanística con epicentro no municipio de Mugardos, que destapou en decembro do 2007 a Garda Civil. Esta rede, na que se relacionaban tres arquitectos, catro construtores, un policía local, a aparelladora do municipio, o director dun banco, e o alcalde nacionalista, Xosé Fernández Barcia, actuaba, supostamente, desviando obras desde o departamento de Urbanismo a un estudo de arquitectura en Fene, onde traballaban tres das 11 persoas vinculadas á trama.
No auto ao que accedeu este xornal, o xuíz de primeira instancia Pablo García Suárez non cuestiona a necesidade de investigar os feitos, pero estima que as picadas telefónicas autorizáronse en base a "meras sospeitas e non a indicios de delito".
Considera, xa que logo, que se conculcaron os dereitos fundamentais que preservan a intimidade persoal e o segredo das comunicacións e anula o auto xudicial do 15 de xuño de 2007 que autorizaba as tres primeiras escoitas, que foron o xerme da investigación. Seis meses despois, o proceso derivou na detención de catro persoas e na imputación doutras cinco.
Na práctica, esta resolución xudicial -que non é firme- invalida como probas as escoitas telefónicas nas que se sustentaba a acusación da Fiscalía e de Esquerda Unida como acusación popular. Tamén deixa sen efecto as probas que, posteriormente, puidéronse obter nos rexistros domiciliarios que se practicaron en casa da aparelladora, no estudo de arquitectura Xcale e na inmobiliaria mugardesa Xesvén.
En círculos xurídicos, esta doutrina coñécese como "os froitos da árbore envelenada" e tradúcese en que se o proceso estivo viciado no seu inicio, as accións derivadas tamén quedan invalidadas. O xuíz ferrolán sostén que as escoitas practicadas aos irmáns Pedro e Julia Cortizas e á funcionaria Carmen Piñeiro restrinxían "de forma desproporcionada e innecesaria" os seus dereitos constitucionais. Por outra banda, cuestiona a falta de rigor da Fiscalía na querela, que define como "confusa enumeración de feitos".
O chamado caso Virgin destapouse en Mugardos o 3 de decembro de 2007 coa estrea mediática da Unidade de Delitos Urbanísticos da Garda Civil, mentres a febre do ladrillo daba as súas últimas rabexadas. A investigación arrincou en maio co ollo posto no estudo de arquitectura de Fene no que traballaban os irmáns Cortizas e nas súas relacións con Carmen Piñeiro, que estaba no departamento de Urbanismo do concello mugardés.
As escoitas telefónicas fóronse ampliando sucesivamente ata chegar ao alcalde, que inicialmente non estaba sendo investigado. En decembro, os tres foron detidos xunto co policía local Ovidio Torrente. Permaneceron máis de dous días no calabozo. Mentres, a lista de imputados na trama Virgin crecía ao ritmo que os posibles delitos: prevaricación, tráfico de influencias, fraude, negociacións prohibidas a funcionarios públicos e suborno. O caso salpicou ao rexedor de Mugardos, Fernández Barcia, do BNG, que chegou a declarar como imputado. Fontes próximas ao caso cualifican o proceso como unha "auténtica chapuza" e aseguran que as detencións foron "do todo desproporcionadas".
O propio xuíz Pablo García Suárez sinala que existen "medios menos gravosos para a investigación" e critica a "falta de concreción dos feitos que se lles imputaron ás persoas investigadas".
O alcalde de Mugardos denuncia o "calvario"
Pedro Cortizas, copropietario do estudo de arquitectura Xcale
1 comentário:
O mendrugo este vai sair de rositas,e o final inda pedirá unha indemnización.
Cajo no demo Cajo no BÑGAS e Cajo en quen os fundou.
Apertas Canario
Enviar um comentário