Un rapaz e unha rapaza resultaron feridos onte nun accidente de tráfico que tivo lugar na estrada AC-130, que une os municipios de Ares e Mugardos. O sinistro tivo lugar minutos antes das once da mañá, no punto kilométrico 1.800, á altura do lugar coñecido como Alto de Simou. O vehículo no que viaxaban os dous mozos, un modelo Ford Focus, saíuse da vía e foi bater contra o muro de peche dunha finca próxima á estrada.
Ata o lugar desprazáronse unidades de protección civil, da policía local de Mugardos e da Guardia Civil de Tráfico, así coma os bombeiros de Ferrol, que procederon a excarcelar os ocupantes, atrapados no interior do automóvil. Por parte dos servizos sanitarios acodiron dúas ambulancias e mesmo o helicóptero de emerxencias do 112, aínda que finalmente non foi necesario o seu emprego.
Os feridos foron trasladados en ambulancia ó hospital Arquitecto Marcide. Segundo testemuñas do accidente, a rapaza xa recuperara a consciencia cando foi levada ó centro sanitario. Fontes do 061 citadas por AGN indicaron que o home, de 22 anos e iniciais R.R.C., estaba en estado grave, mentres que a muller, de 20 anos e iniciais T.C.R., só tiña feridas leves.
Segundo explicaron fontes policiais, aínda non se confirmaran as causas do accidente aínda que se barallaba como posible motivo o exceso de velocidade. O vehículo, como se aprecia nas imaxes, quedou moi deteriorado.
Sem comentários:
Enviar um comentário