A pesar de que o día de onte non acompañou para ver con detemento os exteriores do castelo de Moeche, xa que estivo chovendo continuamente, animáronse a realizar a visita 16 persoas -das 1.000 que o fixeron durante este mes-, pertencentes ao curso de desenvolvemento turístico organizado polo Concello de Mugardos, dirixido a persoas en desemprego.
A fortificación, construída no ano 1369 por Fernán Pérez de Andrade, componse de distintas dependencias. Algunhas delas intentan conservar, no seu maior parte, o seu estado natural. Outras moitas foron arranxadas de novo, como é o caso do tellado de lousa que segundo a guía Silvia Fernández "chama moito a atención, máis que calquera outro elemento do castelo que se rehabilitou".
A visita comeza na planta baixa do fortín, antiga estancia dedicada á cociña e ao comedor- e desde alí pódese observar como conviven dúas construcións totalmente distintas. Unha data do século XIV, a fortificación defensiva máis reducida, e outra posterior, de maiores dimensións e ten carácter máis residencial. Na primeira, está incluída a torre da homenaxe que está composta por dúas plantas.
Ademais, pódese observar desde o patio central, ou tamén chamado de honra, o espazo reservado para a servidume, a cabalería e as armas e, para rematar, o torreón -ou torre da homenaxe- que, tras subir as escaleiras de caracol que alberga no seu interior, pódese acceder ao lugar exterior reservado para a vixilancia e defensa.
No patio de honra consérvase o pozo orixinal do castelo, de case de dez metros de profundidade.
Pero non foi o único que se descubriu durante as operacións de rehabilitación do conxunto arquitectónico, senón que tamén "acháronse restos como cerámicas, unha chave dun baúl e un puñal, que están expostas no castelo de San Antón na Coruña", tal e como afirmou a guía.
No interior da torre da homenaxe, destinada aos señores, atópase unha bóveda de medio canón, onde os canteiros deixaron as súas marcas identificativas na pedra. Encima da bóveda está o paseo de rolda, situado no exterior do castelo. Este era o lugar defensivo por excelencia.
Sem comentários:
Enviar um comentário