9/02/2009

O CEIP "Unión Mugardesa" contará cun novo comedor escolar

A vila de Mugardos contará a partir do vindeiro setembro cun novo comedor escolar nun dos seus centros de educación infantil e primaria. Este novo servizo responde a unha das principais reivindicacións que a ANPA da Unión Mugardesa mantivo durante os últimos anos.
Os comedores escolares son unha das instalacións máis demandados nos centros de ensino público. A Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) do CEIP Unión Mugardesa leva máis de tres anos pulando para que a escola conte con este servizo de xeito que facilite a conciliación da vida laboral e a familiar.
Fontes da dita entidade sinalaron que xa posúen a licenza de apertura e que está previsto que a comezos de outubro comece a funcionar o novo comedor. Estará ubicado na antiga vivenda do conserxe, un edificio anexo á escola que se empregaba como almacén. A nova instalación contará con 58 prazas e agárdase que de entrada se cubran polo menos 35, podendo aumentar esta cifra nos vindeiros anos.
A xestión deste servizo correrá a cargo da ANPA, que á súa vez terá o apoio da Federación de Asociacións de Nais e Pais de Ferrolterra. A través destas entidades contratarase un cátering que se encargará tanto de fornecer ao comedor dos alimentos para os nenos como da contratación dos monitores que os vaian coidar.
Pola súa parte, a ANPA do CEIP Unión Mugardesa encargarase do traballo administrativo, do cobro das tarifas do comedor, de controlar quen emprega o servizo e con que frecuencia o fai e de velar por que a calidade do servizo sexa a axeitada.
Prezo e axudas
A falta dunha cifra definitiva, a xunta directiva da ANPA calcula que o custe de cada menú rondará os cinco euros con corenta céntimos. O mantemento do comedor recaerá sobre os pais ao non estar xestionado pola consellaría. Do prezo total está previsto que aproximadamente un euro sexa sufragado polo executivo autonómico.
En principio, o concello de Mugardos tan só concederá axudas ás familias de menor renda, e non subvencionará a totalidade dos menús.

Sem comentários: