O titular do Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Ferrol, Pablo José García Suárez, acaba de ditar un auto polo que desestima o recurso de reforma presentado polo Grupo Municipal de EU-IU de Mugardos contra o auto do pasado 19 de xullo polo que se acordaba a nulidade das dilixencias do caso "Virgin", relativo a unha suposta trama urbanística en Mugardos. O instrutor da causa fundamenta a súa resolución en que non existe ningún prazo exclusivo para promover a nulidade das actuacións, engadindo que ata podería exporse antes da fase de xuízo oral.
En canto á outra alegación formulada por EU-IU para solicitar a continuación das dilixencias, na que se expuña a concorrencia dos requisitos constitucionais e legais para a adopción de medidas cautelares, o xuíz García Suárez reitérase nos argumentos xa expostos no auto recorrido, precisando que non se achegan elementos obxectivos que se fagan merecedores dun cambio de criterio no instrutor.
Resolto este recurso, agora queda pendente o presentado polo Ministerio Fiscal, que apelou directamente ante a Audiencia, polo que terá que ser o organismo provincial o que se pronuncie sobre o auto de nulidade das dilixencias.
A resolución ditada polo xuíz instrutor o 19 de xuño do presente ano fundaméntase nun defecto de motivación do auto emitido pola súa antecesora no xulgado, polo que se autorizaron escóitalas telefónicas. O maxistrado García Suárez sostén que non se apuntaba nin un só indicio do que se puidese inferir a comisión dun delito.
A nulidade fora solicitada pola defensa de dúas dos imputados, os irmáns Pedro e Julia Cortizas Díaz, do estudo de arquitectura Xcale, representados polo gabinete de avogados PérezLama e asociados. A representación legal dos outros imputados -Elia Estraviz Prado, arquitecta; Carmen Piñeiro Lemos, aparelladora municipal; Xosé Fernández Barcia, alcalde; e Ovidio Torrente López, policía local, tamén se sumou á petición de nulidade.
Sem comentários:
Enviar um comentário