3/26/2010

Adega denuncia que Reganosa verte augas residuais á ría ferrolá



A organización ecoloxista Adega denunciou onte que a empresa Reganosa, situada no concello de Mugardos, verteu 113 millóns de metros cúbicos de augas residuais á ría de Ferrol dende a entrada en funcionamento da pranta regasificadora en 2007.

A organización asegura que a compañía, cun 10% en mans da Administración autonómica, tiña que acollerse a uns parámetros máximos nas súas verteduras ao mar. Neste sentido, segundo as imposicións da Consellería de Medio Ambiente, Reganosa ten que presentar datos concretos nos que se demostre que as concentracións de cloro residual non exceden os valores de 0,1miligramos por litro e que a auga vertida ten unha variación de temperatura inferior a seis graos.

“Para controlar os parámetros de calidade do efluente, a Xunta esixiu a Reganosa que contara cuns medidores en continuo de cloro residual e temperatura tanto á entrada do sistema de captación da auga como á saída das verteduras”, sinalan dende Adega.

No entanto, segundo comentan, recentemente se deu a coñecer no Parlamento galego que Reganosa “foi sancionada con 9.000 euros por non ter instalado o dispositivo para a medición do cloro”.

Por iso, Adega acusa á Xunta de seguir permitindo que a empresa incumpra as condicións que lle foran impostas para permitir algunhas verteduras e que continúe sen achegar datos.

“O máis grave é que este comportamento, incumprindo os termos da autorización administrativa e ocultando unha información de capital importancia para a saúde da ría, está a ser consentida pola Xunta, xuíz e parte neste caso”, recalcan dende Adega.


xornal.com

Ártabra 21

A nosa Terra

Sem comentários: