3/27/2010

Miles de persoas piden o levantamento do veto a antiga Astano

Máis de tres mil persoas secundaron este sábado a manifestación contra o veto á construción naval civil na antiga Astano, Navantia-Fene, convocada pola plataforma cidadá "Rumbo 21" e apoiada polo PP, BNG, Terra Galega, Independentes por Ferrol e o sindicato CIG.
O BNG apoiou masivamente a protesta, coa participación na cabeza da manifestación do seu portavoz nacional, Guillerme Vázquez, e do deputado nacionalista Francisco Jorquera, xunto co responsábel do sindicato CIG, Suso Seixo. Tamén apoiaron a iniciativa todos os concellos da comarca, incluído o de Fene, gobernado polo PSOE, que encabezou unha das pancartas centrais.

A protesta contou tamén co apoio de Iniciativa Empresarial do Noroeste, Asociación de Empresarios de Ferrolterra, a Asociación de Empresarios de Hostalería, Tribuna para o Diálogo e Galiza Nova.

A mobilización saíu do peirao de Curuxeiras ás 1200h e durante media hora percorreu as rúas do centro de Ferrol, para finalizar na praza de Armas, na que os participantes responderon cunha pitada á ausencia do Concello de Ferrol, no que PSOE e EU sumaron votos para rexeitar a súa participación.

O lema "que o veto de Astano se levante este ano" exemplificou o motivo central da protesta, exposta para esixir ao presidente do Goberno, José Luís Rodríguez Zapatero, que cumpra o seu compromiso de negociar con Europa o levantamento desta prohibición "inxusta e política", durante os seis meses nos que España preside a Unión Europea.

Prohibición

O estaleiro de Navantia Fene non pode realizar construción naval civil até o ano 2015. A prohibición iniciouse no 1984 e renovouse na firma dos acordos que España subscribiu coa UE no 2005, que evitaron que se tivesen que devolver as subvencións que baixo o Goberno do PP se concederon á empresa naval pública e que Europa considerou ilegais.

O escritor Manuel Rivas, responsábel de ler o manifesto final, insistiu no "sen sentido" de que o "país que mellor sabe facer barcos do mundo non poida construír barcos" e de que se manteña á antiga Astano nun estado "fantasmagórico" condenado a unha "eutanasia forzada".

A asociación 'Rumbo 21' xurdiu como entidade cidadá o ano pasado, co obxectivo de poñer en marcha unha Iniciativa Lexislativa Popular para pedir no Parlamento que se inste a España a renegociar con Europa. A ILP recolleu máis de 18.000 firmas e expúxose na Mesa do Parlamento, pero o seu debate definitivo atópase estancado desde fai meses.

A nosa Terra

Sem comentários: