3/21/2010

Os novos bárbaros


Cando as cousas van mal sempre aparece alguén capaz de demostrarnos que aínda poden ir peor. O Partido Popular está inducindo a idea de que o anterior goberno era un obstinado defensor do territorio. Mais non debemos deixarnos enganar e añorar o goberno de Touriño. A realidade coa que nos ameaza o goberno de Feijóo é dun exacerbado ensañamento con todo o que signifique país, territorio ou medio ambiente, é dicir, cun estilo de vida en consonancia coa natureza. En sentido pexorativo, amósase como un auténtico bárbaro; un executivo ávido de destrución e rapina.
As últimas medidas tomadas polo goberno popular evidencian unha única filosofía: vender o territorio aos grandes lobbys empresariais. O Plan de Ordenación do Litoral (POL) permitirá a ampliación dos chamados núcleos de identidade do litoral, construíndo novas urbanizacións que a mesma Lei de Costas prohibe. Tamén deixa aberta a posibilidade de facer construcións e rehabilitacións destinadas ao turismo no medio rural, así como instalacións destinadas a establecementos de acuicultura. Unha vella demanda de empresas adicadas ao expolio dos recursos naturais ás que o propio Feijóo invita a ocupar terreos da Rede Natura. En suma unha privatización pura e dura do litoral galego.
En materia de urbanismo tamén destaca este goberno como o mellor garante dos intereses dos promotores máis indisciplinados coa legalidade. En Barreiros escenifícase o casorio entre empresa corrupta e goberno condescendente. 3000 vivendas declaradas ilegais polo anterior goberno da Xunta e denunciadas polo propio ministerio fiscal, van ser non só legalizadas senón tamén subvencionadas con 7 millóns de euros do erario público para dotar ás urbanizacións das infraestruturas necesarias que os promotores non quixeron acometer. En definitiva, o regreso a un pasado de permisividade e ilegalidades.
As explotacións mineiras seguen a ser outro cabalo de batalla dos que nos opoñemos á deterioración do medio ambiente. O Courel, enclave natural de máxima protección, está a ser expoliado sen ningunha cortapisa e sen que as autoridades marquen os límites da sinrazón e do caciquismo. N’As Pontes a Xunta de Galiza acaba de dar vía libre á explotación dunha mina de andalucita que fora rexeitada polo goberno anterior. A empresa, de capital anglo.surafricano, recibirá unha subvención de 6 millóns de euros (a trerceira parte do investimento previsto) para crear 30 postos de traballo e expatriar os beneficios obtidos pola explotación. Iso si, expropiando os terreos dos pequenos propietarios que crían que a riqueza do subsolo lles pertencía, e poñendo en perigo o parque natural das Fragas do Eume e o mesmo río Eume. [Ler máis]

galizanonsevende.org

Sem comentários: