3/05/2010

A protesta contra o veto a Astano será o próximo día 27

Astano... Hoxe, chamada Navantia Fene (Romarin)

A manifestación en demanda do fin do veto que impide a Navantia Fene acceder ao mercado da construción naval convencional será o próximo 27 de marzo. A plataforma Rumbo 21, impulsora tamén da Iniciativa Lexislativa Popular, espera poder sumar o maior número de asociacións e organizacións de todo tipo para enviar unha contundente mensaxe ao Goberno central e que este finalmente aproveite o período de presidencia europea para cumprir o seu compromiso e renegociar as restricións.

A galería Sargadelos acolleu na tarde do martes a primeira reunión, aberta a todo o tecido asociativo, para organizar a mobilización. Desde Rumbo 21 botouse de menos a presenza de representantes de CCOO e UXT e insistiuse en que esta é unha convocatoria aberta, na que non se define se o futuro de Astano ten que ser como empresa pública ou privada. Esa cuestión preocupa á CIG, cuxo secretario comarcal, Xesús Anxo López Pintos, asistiu á reunión e fixo constar o seu defensa dun estaleiro dentro da órbita da SEPI.

Á reunión acudiron tamén representantes do BNG, de Independentes por Ferrol e do PP. Deste último partido, acudiu á cita Alejandro Langtry, actual director do Plan Ferrol.

A manifestación celebrarase o día 27 baixo o lema “En defensa do emprego, por un sector naval de futuro, levantamento do veto xa” e o vindeiro luns celebrarase unha nova reunión, esta vez na Cámara de Comercio, para nomear un comité encargado de organizar a mobilización.

Ramón Yáñez subliñou onte que Rumbo 21 “non quere competir con outras entidades” e que o seu único fin é reclamar o levantamento do veto que pesa sobre Astano, no convencemento de que diso poden depender miles de postos de traballo nesta comarca. "A nosa é unha chamada para sumar", sinalou o profesor da Politécnica Superior e un dos membros da entidade Rumbo 21.


astanofene.blogspot.com

Sem comentários: