3/06/2010

A Xunta valora protexer as ruínas de Noville como BIC

A Dirección Xeral de Patrimonio comunicou ao Concello de Mugardos que está estudando a posibilidade de declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) o xacemento romano de Noville, na parroquia de Franza. Desta forma, o monumento pasaría a estar catalogado coa figura de maior protección que concede a Xunta de Galicia. As ruínas que se atopan nese lugar foron escavadas a finais dos anos 80 e teñen unha superficie superior aos mil metros cadrados. A avaliación que inicia agora a consellería dirixida por Roberto Varela forma parte dun proxecto que se estende por todo o territorio da comunidade, aínda que nestes momentos só dous concellos da provincia da Coruña teñen restos arqueolóxicos coa relevancia suficiente como para ser analizados: Mugardos e Sobrado dos Monxes.

Inicio das escavacións

O profesor de Arqueoloxía da Universidade de Vigo, Fermín Pérez Losada, realizou dúas campañas de escavacións en Noville. A primeira comezou en 1988 e a segunda completouse o ano seguinte. Durante o transcurso dos traballos, o equipo que se encargou de realizar as tarefas logrou sacar á superficie un edificio residencial duns 1.200 metros cadrados, formado por dúas naves principais unidas por un corredor. A tipoloxía deste xacemento responde ao prototipo de vila de patio, é dicir, a que ten varios habitáculos rodeando a unha zona central. Son construcións moi habituais nas áreas xeográficas do norte de Europa.
Por estas primeiras aproximacións dedúcese que o edificio estivo habitado, con seguridade, durante os séculos cuarto e quinto, e posúe algunhas comodidades que non eran demasiado frecuentes, talles como un perfecto sistema de calefacción a través do chan da vivenda.
Outra das características rechamantes do monumento é que está próximo ao mar, co que se cre que os habitantes poderían dedicarse a tarefas relacionadas coa pesca. De feito, a súa proximidade á costa provocou que nas primeiras escavacións levantásese un muro de protección para evitar que a auga puxese en perigo os restos arqueolóxicos.
O alcalde de Mugardos, Xosé Fernández Barcia, confía en que "os traballos que van comezar signifiquen o inicio dun proxecto único para que os mugardeses podamos gozar do noso patrimonio histórico". Así mesmo, o rexedor mostrou a súa satisfacción "pola receptividade dás suas demandas perante ou director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel".


antiguaymedieval.blogspot.com

Sem comentários: