3/11/2010

Toxo: “Comezaron a disparar de forma indiscriminada”

Manifestación onte en Ferrol
Os dramáticos sucesos do 10 de marzo de 1972 producíronse no marco da reivindicación dun convenio colectivo propio para a Bazán de Ferrol. Desde comezos de ano sucedéronse movilizacións que tomaron un cariz máis intenso despois do día 6 daquel mes, cando chegou a noticia de que o convenio fora asinado xa en Madrid sen o concurso da representación social. Os traballadores pecháronse no estaleiro o día 9, despois dunha campaña de detencións entre os dirixentes sindicais, pero foron desaloxados de forma violenta pola policía armada e a dirección da factoría decidiu pechar ata novo aviso.

Na mañá daquel día 10 os catro mil traballadores do estaleiro encontráronse ás portas do recinto, sen poder entrar, e emprenderon a marcha hacia Esteiro, coa intención de chegar pola ponte das Pías ata Astano. Tal como onte lembraba Ignacio Fernández Toxo ó pé do monumento erixido en memoria das vítimas, “parounos a policía armada e practicamente sen aviso previo atopámonos con que comezaron a disparar de forma indiscriminada”. Faleceron dous traballadores, Amador Rey e Daniel Niebla, “pero puido caer moita xente, de feito houbo corenta e tantos feridos de bala”. Toxo lembrou a Xulio Aneiros, que recibiu un disparo no peito que o tivo longo tempo entre a vida e a morte, e rememorou a imaxe de Rafael Pillado, naquela mañá e a poucos metros do lugar da ofrenda floral, subido a un camión e chamando á folga xeral na comarca.

Na Bazán houbo 160 despidos como consecuencia da folga e outros cen noutras empresas da comarca. Os cabecillas foron encarcelados e protagonizaron o famoso “xuízo dos 23”.

Un daqueles sindicalistas foi precisamente Manuel Amor Deus, que estivo na cadea entre 1972 e 1976. Cando saíu -foi xunto con Riobó e Pillado un dos últimos liberados- convertiuse no primeiro secretario xeral de CCOO en Galicia, cargo que ostentou ata 1988. Despois seguiu vinculado á vida sindical e volcado na loita para o recoñecemento da asbestosis, que el mesmo sufría, como enfermedade laboral. En abril de 2007 unha sentenza do xulgado do Social de Ferrol recoñeceu ó amianto como causa da súa doenza. Dous meses despois faleceu.

Na inauguración da súa praza, Fernández Toxo lembrou tamén a Riobó, Torrente, Iglesias e outras vítimas de amianto. “A sociedade española, ademais de prazas, débelles unha reparación”, considerou o secretario xeral de CCOO. O fillo de Amor Deus ofreceu, tamén, o seu saúdo “ós que caeron nesa trampa mortal que se chama asbestose”.

Diario de Ferrol

Sem comentários: